10/2/09

UNHA HISTORIA DE AMOR

Andamos rodeados de amor! Próxima a celebración do S. Valentín os sentimentos afloran e mesmo os máis tímidos/as escriben poemas, regalan flores ou lanzan miradas furtivas buscando os ollos da persoa que provoca os seus suspiros. O amor invade as aulas, Cupido campa ás súas anchas polos corredores e na Biblioteca os andeis están repletos de historias de amor, desamor, ilusións, esperanzas...


E facendo unha revisión das miñas lecturas, tentando lembrar aquelas marabillosas historias de amor que deixaron pegada en min pola súa intensidade, pola súa tenrura, pola súa firmeza, pola súa eternidade, dibuxo no meu recordo os corazóns dunha bailarina fermosa e dulce e dun soldadiño coxo e valente, que a pesar das adversidades permanecen fieis ao amor que se profesan máis alá da morte. Nunca souben discernir se o final da historia era ou non un final feliz aínda que sempre me gustou imaxinar que os protagonistas deste conto permanecerían xuntos para sempre, o que os faría eternamente felices. Convídovos a ler ou reler O soldadiño de chumbo, un dos contos máis coñecidos de H. C. Andersen, e que disfrutedes e compartades as aventuras e o amor firme dun soldadiño eivado e a súa bela namorada.

Moi recomendable tamén é El soldadito Salomón, Ed. S. M., de Rocío Antón e Lola Núñez, unha versión libre do conto de Andersen onde o soldadiño, aquí co nome de Salomón, actúa como intermediario para solucionar os conflitos que xorden da mala convivencia entre os xoguetes. Coa axuda dun texto rimado, este libro resulta moi indicado para tratar cos nenos e nenas a solución dos conflitos. O seu ilustrador, Javier Zabala, foi o gañador do Premio Nacional de Ilustración no ano 2005


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Engadir a Marcadores