26/1/09

A CASA DA MOSCA CHOSCA

Título: A casa da mosca chosca

Autora: Eva Mejuto

Ilustrador: Sergio Mora

Editorial: Kalandraka


Outro dos meus contos favoritos co que sempre consigo que o alumnado se entusiasme é A CASA DA MOSCA CHOSCA, un álbum ilustrado moi divertido e orixinal xa que en moi poucas ocasións poderemos atopar unha mosca como protagonista dun conto. Trátase dunha adaptación de Eva Mejuto dun conto popular ruso cunhas estupendas ilustracións de Sergio Mora.
É a historia dunha "mosca chosca" que decidiu construír unha casa, farta de andar dun sitio para outro. Cando rematou, para inaugurar o seu fogar preparou unha torta de amoras e colocou sete banquetas e sete pratos. Axiña foron chegando, atraídos polo arrecendo do pastel, o "escaravello revello", o "morcego chairego", o "sapo castrapo", a "moucha repoucha", a "raposa chistosa" e o "lobicán pillabán".
Pero cando cría que por fin podían empezar a merendar, aparece un convidado pouco educado, o oso goloso, disposto a zamparse rapidamente a riquísima torta…
A través de estruturas acumulativas, se favorece o coñecemento dos números entre os máis cativos e se pode propiciar a participación colectiva cando se fai a lectura para un grupo.
As ilustracións teñen unha grande importancia xa que, cun orixinal deseño dos personaxes, completan o texto aportando unha enorme riqueza visual.

Tamén en castelán co título LA CASA DE LA MOSCA FOSCA.



PÍDEO NA BIBLIOTECA!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Engadir a Marcadores