22/12/08

TRES TÍTULOS E UN AUTOR

Seguindo coa miña relación de contos favoritos, cecais neste caso debería facer referencia a un dos meus autores favoritos: ERIC CARLE, autor e ilustrador dos seus contos. Emprega unha técnica persoal e facilmente recoñecible, o collage, con papeis que el mesmo pinta, de figuras recortadas sobre fondo branco, que combina maxistralmente cun acercamento á aprendizaxe nas idades máis temperás. O seu talento está avalado polas vendas das súas obras: 25 millóns de exemplares a nivel mundial. Polo de agora leva escritos máis de setenta contos para os máis cativos.

A súa obra máis coñecida é UNHA EIRUGA MOI LARPEIRA, de 1969 e traducida a 30 idiomas. Malia o tempo transcurrido conserva a súa vixencia e frescura. O conto descubre o ciclo vital dunha eiruga e, mentres a natureza segue o seu curso, percorremos os días da semana, os números, as froitas... por orixinais páxinas de diferentes tamaños e esburacadas pola famenta eiruga.
A XOANIÑA ROSMONA data de 1977 e constitúe unha lección de boas maneiras. A protagonista fai alarde de mal xenio e dun carácter que a conduce a buscar pelexa con calquera que se cruce con ela. As palabras grazas e por favor non forman parte do seu vocabulario o que contrasta coa amabilidade doutra conxénere.
En A xoaniña rosmona a tipografía, a ilustración e o relato van da man, o que constitúe o selo de identidade deste autor. Os lectores toman conciencia do valor de ser amables cos demais, así como do transcurso do tempo, a medida que acompañan á xoaniña nunha viaxe pola natureza e os animais que a poboan por terra, mar e aire.

Outro dos títulos deste autor que a min me encanta é QUERES XOGAR COMIGO?
Érase unha vez un ratiño que un día saíu da súa casa, e buscou alguén con quen xogar. "Ola amigo, queres xogar comigo?", así comeza esta sinxela historia na que un ratiño busca xogar con outros animais, dos que se vai descubrindo a súa identidade ao paso de cada páxina. E como factor de suspense, aportando a idea de continuidade, un misterioso personaxe que está presente en todo o libro, de principio a fin. En definitiva, unha historia emocionante e divertida, atractiva dende o punto de vista estético e didáctico.


Estes títulos forman parte dos meus CONTOS FAVORITOS e constitúen tres deliciosas propostas de lectura para estes días de Nadal que non podería deixar de recomendarvos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

Engadir a Marcadores