15/2/09

PREMIOS EDEBÉ DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL


Aínda que con certo retraso con respecto á súa concesión non podo deixar de vos traer unha anotación sobre o premio EDEBÉ de Literatura Infantil e Xuvenil entregado o 28 de xaneiro pasado.
Nesta ocasión foron a cineasta Marta Gené Camps e o xornalista Jordi Cervera os afortunados gañadores do XVII premio Edebé de literatura infantil e xuvenil, con dúas novelas, fantástica e policiaca, respectivamente, un premio que xa gañaron outros escritores como Carlos Ruiz Zafón ou Jordi Sierra i Fabra

As novelas premiadas, ambas as dúas escritas orixinalmente en catalán, serán traducidas ao castelán, ao galego, ao eúscaro e, grazas a un acordo coa ONCE, tamén ao braille.
A MORTE A SEIS VINTE E CINCO, de Cervera, relata a investigación dun macabro asasinato vinculado ao ámbito do baloncesto internacional, dentro do vestiario do DKV Joventut, e as pescudas da Brigada de Investigación para resolver o caso dan lugar a unha acción trepidante a través das rúas de Barcelona e Badalona.
SOPA DE COLA DE LAGARTIXA, de Gené, aborda a temática fantástica a través de Candela, unha nena de 12 anos que vive nunha pequena illa. Tal e como conta Marta Gené: "Candela ten premonicións de cousas que non ocorreron. Simplemente as ve na súa mente e con toda a súa inocencia non pode evitar dicilo. O problema vén cando empeza a predicir as cousas malas que van pasar polo que os seus veciños a acusan de ser unha bruxa".
Pois vaian dende aquí as miñas felicitacións aos gañadores e xa só nos queda agardar á súa publicación para lelos e comprobar todo o que nos ofrecen.
PARABÉNS!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Engadir a Marcadores