SE EL NACESE MULLER, é un texto impresionante e fermoso de Eduardo Galeano que describe a historia e a vida á que se ven abocadas moitas mulleres deste e doutros tempos, non por falta de talento senón arrastradas por unha sociedade que as anula, as infravalora e, en moitas ocasións, as escraviza:
Dos 16 irmáns de Benjamín Franklin, Jane é a que máis se lle parece en canto a talento e forza de vontade.
Pero á idade que Benjamín marchou da casa para abrirse camiño, Jane casou cun talabartero pobre, que a aceptou sen dote, e 10 meses despois deu a luz ao seu primeiro fillo. Desde entón, durante un cuarto de século, Jane tivo un fillo cada dous anos. Algúns nenos morreron, e cada morte abriulle unha ferida no peito. Os que viviron esixiron comida, abrigo, instrución e consolo. Jane pasou noites en vela arrolando aos que choraban, lavou montañas de roupa, bañou unha manchea de nenos, correu do mercado á cociña, fregou torres de pratos, ensinou abecedarios e oficios, traballou de xeito conxunto co seu marido no taller, e atendeu aos hóspedes pois co aluguer axudaba a encher a pota. Jane foi esposa devota e viúva exemplar, e cando xa estiveron medrados os seus fillos fíxose cargo dos seus propios pais achacosos e das súas fillas solteironas e dos seus netos sen amparo.
Jane xamais coñeceu o pracer de deixarse flotar nun lago, levada á deriva por un fío de papaventos, como adoita facer Benjamín a pesar dos seus anos. Jane nunca tivo tempo de pensar, nin se permitiu dubidar. Benjamín segue sendo un amante fervoroso, pero Jane ignora que o sexo pode producir algo mais que fillos.
Benjamín, fundador dunha nación de inventores, é un gran home de todos os tempos. Jane é unha muller do seu tempo, igual a case todas as mulleres de todos os tempos, que cumpriu o seu deber nesta terra e expiou a súa parte de culpa na maldición bíblica, ela fixo o posible por non volverse tola e buscou, en balde, un pouco de silenzo.
O seu caso carecerá de interese para os historiadores.
Eduardo Galeano
Memoria del fuego / Las caras y las máscaras
Publicado por: Editorial Siglo XXI
Carmen Rico Coira plántalle cara ao maltrato
Hace 12 años
No hay comentarios:
Publicar un comentario