24/2/09

LEMBRANDO A ROSALÍA

Non podemos deixar pasar o Día de Rosalía sen lembrarnos da nosa poetisa máis universal, que naceu un 24 de febreiro de 1837, en Santiago de Compostela, e morreu en Padrón en 1885. Figura clave do Rexurdimento galego, tamén produciu literatura en castelán, e foi considerada, xunto a Bécquer, a gran representante do Romanticismo tardío.


Algúns apuntamentos sobre a súa obra:

Moi nova, aos 20 anos, publicou La Flor, de corte romántico próximo ao de Espronceda.
En 1863 publica Cantares gallegos, na nosa lingua, con temática social e costumista. Con esta obra e xunto a Curros Enríquez e Eduardo Pondal iníciase ou Rexurdimento cultural de Galicia.
En Follas Novas (1880), a nostalxia, a soidade e a tristeza que ela sinte identifícanse co sufrimento do pobo galego. Aparece o tema da morte como liberación da dor.
En las orillas del Sar, publicouse en 1884. Dun marcado pesimismo reincide no tema da morte, do sufrimento, da vellez... Os seus poemas, son considerados como precursores da poesía moderna xa que inicia un camiño de ruptura co estilo da súa época, deixando a súa pegada en poetas posteriores como Antonio Machado.

Un bo xeito de achegar a poesía de Rosalía aos máis pequenos é a través do libro Adiós ríos, adiós fontes, da editorial Baía, con ilustracións de Rodrigo Chao Blanco. Este libriño, que xa circula polos fogares do noso alumnado nas mochilas viaxeiras, recolle un dos poemas máis coñecidos de Cantares gallegos.

Arredor da obra de Rosalía, e como recurso para empregar na aula, a Fundación Caixa Galicia facilita un material didáctico elaborado co motivo da exposición "Rosalía ilustrada", con actividades dirixidas a todos os ciclos da E. Primaria (Vía Raioteca)

Preme na seguinte imaxe para acceder ás fichas:


E para rematar aquí vos deixo un fermosísimo poema coñecido como Negra sombra, pertencente ao libro Follas Novas, na voz de Luz Casal:


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Engadir a Marcadores