2/11/08

ARTE

Hoxe imos recomendar unha obra de divulgación que poderemos engadir aos materiais empregados para a educación documental entre os máis pequenos (a partir dos 8 anos). Editada no 2006 por Factoría K de libros, trátase da primeira obra en galego deste tipo, de edición moi coidada e excelente presentación.
Mirar a pintura a través dos séculos, de Caroline Desnoëttes, propón unha galería de arte dende o estilo gótico dos séculos XIV e XV, ata a arte figurativa e abstracta de Chagall no século XX.
A estructura repítese: unha obra de arte tómase como representativa de cada un dos movementos artísticos estudiados, 18 en total, e a través das lapelas que se levantan nas páxinas vemos os pormenores dos lenzos ampliados, observamos as cores...
Un estudo de cada movemento, autor e obra, cara o final do álbum , destaca as innovacións e significados ocultos de cada un dos lenzos seleccionados...
Un álbum para disfrutar aprendendo.
Caroline Desnoëttes pretende facer partícipes aos lectores máis novos do marabilloso mundo da arte. A autora francesa escribiu numerosos libros para o público infantil, entre os cales figuran coleccións como O museo de..., Pasea con cores e A Pintura a través do tempo. Tamén é pintora e deseñadora: nesta faceta o seu maior obxectivo é desacralizar o mundo da arte, baixalo da torre de cristal na que se atopaba e achegar a arte á vida diaria da nosa sociedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Engadir a Marcadores