11/8/09

IMPORTANTE AVANCE CIENTÍFICO!!!

Atopouse un novo medicamento que conseguirá que aumente considerablemente a nosa calidade de vida e que, polas súas características, seguro revolucionará a comunidade médica. Dada a súa ductilidade e a cantidade de males que cura, deberá tomarse coa debida precaución, polo que, tal e como nos advirten as autoridades sanitarias, é fundamental

Ler o prospecto antes de usar este tratamento :

Composición e presentación
Letras, palabras, follas, números, debuxos, símbolos, fotos en celulosa impresa. Presentacións máis frecuentes: novela, posesía, ensaio, cómic, contos, enciclopedias, revistas, periódicos,.., e outras para tratamentos máis específicos.

Indicacións
Síntomas de aburrimento, dúbidas de importancia variable, necesidade de descubrimentos, aclaracións, viaxes reais ou imaxinarias, insomnio, largas esperas, agasallos, convalecencias prolongadas e cadros de estreñimento (crónicos ou esporádicos).

Uso e doses
- Empezar con doses suaves; sobre todo en menores de 5 anos, e nunca con máis de 5 minutos de aplicación continuada.
- Aumentar progresivamente ata chegar á dose correcta (aquela que nos deixa a gusto).

Embarazo e lactancia
Os estudos clínicos realizados con este tratamento non presentan contraindicacións neste grupo, salvo algún descuido puntual que ten retrasado a hora de lactancia.

Conducción e uso de máquinas
É moi probable que este tratamento afecte á súa capacidade para conducir ou utilizar maquinaria, polo que se recomenda non usalo nestas circunstancias e mantelo a unha distancia prudencial.

Posibles efectos adversos
Nun considerable número de pacientes presentouse un alto nivel de dependencia, provocando continuas visitas a bibliotecas e librerías e unha necesidade constante de ter un libro entre as mans. Nestes casos a recuperación a estados anteriores resulta case imposible, e non se constata ningún caso con desexo de abandonar este novo estado.


Salvo casos moi excepcionais este tratamento
non conta coa subvención da Seguridade Social

CONCLUSIÓNS DERIVADAS DOS EXHAUSTIVOS ESTUDOS CIENTÍFICOS: A lectura tamén cura!

(Este inxenioso texto está incluido nun dos carteis presentados ao certame "Cartel e lema" convocado pola Biblioteca do centro para a celebración do Día do libro. O autor é Eloi Covelo (4º de EP), que realizou o traballo coa colaboración da súa familia, tal e como establecían as bases do certame.)

Recollido en: Biblioteca Mestres Goldar

2 comentarios:

  1. ¡Muy bueno! ¡Graciosísimo, de verdad!

    ResponderEliminar
  2. Hay mucha imaginación y creatividad escondida por ahí. Sólo tenemos que empujar un poquito y ya ves...

    ResponderEliminar

Engadir a Marcadores