Os gañadores (clic para ampliar). Procedencia da imaxe. |
Na illa de San Simón, un escenario incomparable pola súa fermosura e polo seu simbolismo, tivo lugar o emotivo acto da entrega de premios, coas intervencións dos gañadores: Anxo Fariña, Héctor Carré e Xavier Queipo polas obras A chave da Atlántida, Febre e Extramunde, respectivamente.
Foi todo un pracer escoitar a María Xosé Queizán, quen actuou como mantedora literaria cun espléndido discurso titulado "Escribir en nome propio".
Non podo deixar de mencionar a Leo Arremecaghona, que amenizou a velada cun espectáculo nada convencional, cun humor cargado de chiscadelas á nosa idiosincrasia, humor do noso, con dobres sentidos e cheo de reivindicacións, co que engaiolou ao auditorio.
Rematou o acto Manuel Bragado cunha breve e atinada intervención na que fixo unha lembranza de Juan Farias, escritor galego falecido recentemente, e solicitou das administracións públicas un maior apoio ao sector do libro e unha clara e decidida aposta pola nosa lingua.
Os meus parabéns aos galardoados e, por suposto, a Xerais pola impecable organización deste evento.
Atoparedes máis información deste acto no blog de Xerais e en Trafegando Ronseis.
Héctor Carré, Xabier Queipo e Anxo Fariña. |
PREMIOS XERAIS 2011 NOS MEDIOS